Benvid@ a ondanois, humilde recuncho da rede onde atoparás información e opinión para diagnosticar axeitadamente o "momento histórico" que estamos a vivir e afrontalo con unha xestión económico-política ao servizo das maiorías sociais dos pobos do mundo.

miércoles, 26 de octubre de 2011

Qué facermos?

Van xá unhos dias que sorprendeu a toda a comarca da Mariña unha nova verdadeiramente dramática, o despido de cen traballadores de unha importante fábrica de mobles, algo máis da metade da plantilla, un auténtico bombazo na liña de flotación do corpo social da comarca. Aproveito desde este recuncho da rede para mostrar o meu apoio para con todas as traballadoras e traballadores nestos momentos de incertidume e nerviosismo que supoño, rallarán a desesperación, apoio que quero facer extensibel a todas aquelas persoas sen traballo nin fonte de ingresos que o están a pasar tan mal nestos tempos que corren e cuxo drama non se destaca na primeira páxina dos medios de “incomunicación”. Como traballador que son, ao longo da miña vida laboral tiven ocasión de probar nas miñas costas latigazos similares e son plenamente conscente que en calquera momento pódense ver azoutadas de novo.
Mais non pretendo con estas liñas entrar no xogo morboso, hipócrita e reaccionario de lamentar a desgraza allea, diso xa se encargan outros, escribo coa pretensión de abrir un debate serio e riguroso, fuxíndo da demagoxia e deixándo de lado absurdos prexuízos sobre o gran problema que nos axexa, ataca e fere a todos os traballadores, e cando digo traballadores non estou a referirme exclusivamente aos traballadores por conta allea ou asalariados, tamén me refiro aos autónomos, pequenos comerciantes e en definitiva a todos aqueles colectivos que conforman a gran clase popular galega, a falta de ocupación no seo da sociedade.
Dinnos que estamos ante unha grave crise económica, mais non é de todo certo, estamos ante unha gravísima crise ideolóxica que proxecta as súas eivas no plano económico, xerando recesión e polo tanto destrucción de tecido económico productivo que se traduce en desemprego, marxinación e exclusión social.
Chegados a este punto resulta obvio preguntarse que podemos facer para enfrentarmos a devandito problema, como se pode frear semellante sangría, mais ninguén pode dar solucións mentres nos movamos no marco ideolóxico do neoliberalismo, doctrina ideolóxica xurdida para asentar os cementos da evolución do sistema capitalista e lograr a consecución do seu gran fín, a acumulación de capital, transferindo riqueza das clases populares cara a unha elite minoritaria. Resulta contradictorio que unha sociedade sobradamente capacitada para mellorar as súas condicións de vida se vexa paseiña e imparablemente empobrecida.
Atopámonos entón ante unha encrucillada ideolóxica, permitir o avance dun sistema que nos empuxa as profundidades do abismo obrigándonos a finar afogados, tal como estamos a comprobar, ou mudar de sistema, nas nosas mans está. Mais para semellante labor resulta indispensabel recuperar unha ferramenta que nos foi roubada vai moito tempo, a Soberanía, con todas as súas connotacións.
Basta con botar unha ollada a estrutura económica da Mariña e do resto da Galiza para comprobar que o noso país transformouse en unha colonia periférica ao servizo do capital monopolista debidamente xestionado para favorecer os seu interes por eses grandes consellos de administración chamados estado español e unión europea.
Xá decía o noso devanceiro D. Ramón Vilar Ponte alá polo ano 1921 que a política colonial, en contra do que digan os pseudo-amantes da civilización, foi, é e será decote política de opresión, de asoballamento, de tortura e de aniquilación de pobos.

No hay comentarios: