Benvid@ a ondanois, humilde recuncho da rede onde atoparás información e opinión para diagnosticar axeitadamente o "momento histórico" que estamos a vivir e afrontalo con unha xestión económico-política ao servizo das maiorías sociais dos pobos do mundo.

viernes, 13 de julio de 2012

Causa ou síntoma?


Perante a situación económico-política de emerxencia á que estamos enfrontándonos compre identificar con claridade a causa orixinaria da mesma e non confundila, de ningún xeito, coa sintomatoloxía que manifeste, ou pola contra o diagnóstico resultará tan erróneo como inútiles as medidas para arranxar a desfeita.
Resulta evidente que estamos perante unha crise de caracter sistémico, é dicer, unha crise do sistema capitalista froito das súas propias contradicións. Non se pode manter un incremento da taxa da ganancia tendente ao infinito nun entorno de recursos limitados sen desequilibrar a balanza Capital/Traballo en favor do Capital xerando unha polaridade abismal do reparto da riqueza. Velaquí a causa orixinaria da Crise, nada máis sinxelo.
Chegados a este punto, é incuestionabel que a loita de clases define o marco da procura de solucións, na que polo de agora, o Capital leva clara vantaxe amparado xurídicamente por unhos Estados disfrazados de democráticos e debidamente diseñados á súa medida. Neste contexto, unha das estratexias da súa loita consiste en abrir un enganoso debate ao redor da sintomatoloxía que lle permita agochar a causa orixinaria para procurarse unha posición que lexitime o seu privilexio fronte ás clases populares.
Graves problemas como a crise financieira, a débeda, o déficit e o desemprego non son máis que os grandes síntomas desta Crise, xa que logo, desenvolver unha estratexia anticrise centrada en darlles solucións de xeito individual soamente agravará máis a situación para as clases populares, tal como está a suceder.
Non é casualidade que a meirande parte da clase política, aqueles que fan bo o dito de “todos son iguais”, contando coa colaboración dos grandes e non tan grandes, medios de comunicación propiedade do gran capital, centren a súa actividade a reducir o debate ao redor da sintomatoloxía. Ben saben que a supervivencia do Sistema pende dun fío, un fío que as clases populares poden cortar en calquera momento se o centro do debate, desviándose da sintomatoloxía, se centrase na causa orixinaria.
É por isto fundamental que a Economía Política se instale no centro do gran debate destos tempos para espir ideolóxicamente as teses doutrinais económico-políticas desenvoltas para xustificar o salvamento do Sistema propiciando o troco cara a un modelo económico-social pernicioso para as clases populares, a inmensa maioría social do País e do resto do mundo.