Benvid@ a ondanois, humilde recuncho da rede onde atoparás información e opinión para diagnosticar axeitadamente o "momento histórico" que estamos a vivir e afrontalo con unha xestión económico-política ao servizo das maiorías sociais dos pobos do mundo.

sábado, 3 de diciembre de 2011

A encrucillada

Aparte de outras valoracións que se poidan realizar a respeito dos resultados electorais do pasado vinte de novembro, teño a ben centrar a análise na comprensión das causas do apoio do eleitorado, español en xeral e galego en particular, a unha forza política que se gaba de estar fortemente adoutrinada ideolóxicamente nas mesmas teses neoliberais defendidas e aplicadas polo antigo goberno de corte socialdemócrata que tanto dano están a causar as sufridoras clases populares do país, que paradoxalmente, representan o groso do corpo eleitoral. Francamente, semella a escenificación dun gran suicidio colectivo!.
Preliminarmente, compre analizar en retrospectiva a evolución do sistema económico-político no que estamos inmersos e que agora se atopa colapsado, para procurarmos unha resposta que nos axude a diagnosticar axeitadamente o momento histórico en que se celebraron estos comicios, chave principal da análise que nos ocupa. Non é casualidade que a orixe da Gran Depresión dos anos trinta do pasado século nos Estados Unidos e da crise que estamos padecendo, por mor da globalización, compartan dous patróns comúns, a desigualdade da distribución da riqueza e a sobreproducción, comprobando como a historia se repite, o cámbio de modelo non soluciona as eivas do sistema.
A orde mundial que rixe actualmente a economía e a política xurde do parche que propiciou o cámbio de modelo que deu fin á Gran Depresión, mais compre destacar que o tallado do novo modelo foi posibel únicamente a dúas circunstancias: a vítoria aliada na Segunda Guerra Mundial e a presión ideolóxica exercida nas clases traballadoras de todo o mundo polo Marxismo, que xá posibilitara a creación da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas anos atras froito da revolución.
Este parche ao sistema consistiu en xerar demanda agregada introducindo o Estado como un consumidor máis para incentivar a economía a base de gasto público, a regulación da actividade financieira, a introducción da fiscalidade como elemento equilibrador do nivel de riqueza e contrapeso da política monetaria para evitar tendencias inflacionistas e a posta en marcha dun minúsculo sistema do benestar que facilitase o consumo masivo de bens e servizos por parte das clases traballadoras, calmando de paso, calquera iniciativa revolucionaria que puxese en risco a supervivencia do sistema ou dito de outra maneira, xestionase a domesticación da clase traballadora. Mais o éxito destas medidas estaban ligadas á utilización dunha cantidade ilimitada de recursos e á súa accesibilidade. Naquel intre a cantidade de recursos non supoña problema e da accesibilidade tanto física como financieira encargouse e encárgase a política internacional imperialista da Casa Branca, xá que a función do Estado non ficaba na figura de simple consumidor, a concentración do poder ao servizo das clases dominantes constituía a súa outra gran misión.
As clases dominantes do novo imperio no seu afán de ancorar o capitalismo como único sistema económico posibel e garante da liberdade e a democrácia, instrumentalizou a guerra fría, coa axuda dun sistema mediático propagandístico da súa propiedade, para reprimir o máis mínimo brote de movementos críticos co sistema, identificándoos como antipatriotas e asociándoos a operacións da intelixencia inimiga soviética, fortalezendo con semellante demonización o vínculo entre a liberdade e a democrácia co libre mercado, eufemismo agochador do capitalismo.
Na Europa occidental, periferia do centro capitalista e imperialista dos Estados Unidos, adoptouse o mesmo modelo sistémico con pequenas variacións no que se refire ao modelo de protección social ou Estado do Benestar debido ao maior calado social das forzas de exquerda e a maior proximidade do Bloque Soviético, singularidade que permitíu a existencia de forzas políticas socialdemócratas por parte do capital, digamos que a socialdemocrácia europea servíulle de muro de contención ao capital para de frear as reivindicacións e o avance da esquerda real.
Non se pode esquecer que as escolas económicas defensoras do sistema capitalista foron quén de rachar coa economía política, desvinculando as relacións sociais da actividade económica, xurdindo desta segregación a Socioloxía e o que eles mesmos deron en chamar Ciencia Económica.
Logo de trinta anos de prosperidade ao abeiro do novo modelo, o capital volve a estancarse, entra de novo en crise, a taxa da ganancia do capital non aumenta e iniciase unha mutación do modelo. De unha parte, necesita expandirse para gañar mercados, o que agora chaman globalización e de outra, aumentar a taxa da ganancia, non xá coas producións do tempo presente, senón coas hipotéticas producións do tempo futuro, o que chaman financiarización e que utliza como ferramenta o endebedamento. Iníciase así un proceso de expansión mundial do capital, xá nidiamente monopolista, e un retroceso nas relacións capital-traballo en beneficio do capital.
A caida do Bloque Soviético, do Muro de Berlín e a conversión económica de China, hexemónicos inimigos do sistema, acelera o proceso globalizador do Capital Monopolista Financiarizado e do fundamentalismo político baseado no pensamento único encarnado no neoliberalismo.
Resulta fácil comprender que un sistema económico baseado no crecemento infinito apoiado na débeda sobre unhos recursos finitos é de natureza inestabel e tende ao colapso nalgún momento do tempo. Pois ben, esta crise que estamos a padecer manifesta o colapso do Sistema.
Agora, unha vez analizada a evolución do noso sistema, xá contamos con elementos de análise que nos axuden a darlle unha explicación á vitoria da dereita:
  • A concepción da vida por parte do individuo desde unha perspectiva individualista impide a percepción real da colectividade da que forma parte, influíndo na toma de decisións autolesivas debido a súa falla de indentificación dentro do colectivo.
  • O sistema bipartidista, debidamente engrasado polos seus medios de comunicación, debilita a capacidade para a escolla de alternativas.
  • O erro indenficatívo da esquerda real coa socialdemocrácia, deixando a dereita como única alternativa.
  • A falla de información e a manipulación da mesma a respeito da situación real de deterioro do sistema.
  • O receo a asunción de cámbios profundos que modifiquen estatus actuáis.
  • A desorientación provocada pola sintomatoloxía do problema e a falla de recursos ideolóxicos para atopar as causas.
Como sociedade, atopámonos nunha encrucillada: permitir o avance do Capitalismo a costa dos nosos dereitos lexítimos como individuos e como pobo, facilitando o proceso da perda da soberanía en favor do proceso expropiatorio globalizador ou facerlle frente loitando organizadamente. A nosa dignidade e a dos nosos descendentes depende únicamente de nos, o camiño está por andar.

No hay comentarios: